O Recanto Do Corcovado 1286 é a nova entrega corcovadiana, a número 1286, viaxamos cara Sudamérica para vos presentar adiantos de discos que van ser publicados ao longo dos vindeiros meses.
Abrimos con dúas pezas do novo disco de Susana Baca, a grande mestra da música afroperuana. Leva por título “Palabras urgentes” e será oficialmente editado a través de Real World o vindeiro 8 de outubro. A seguir desprazámonos até Cuba para escoitar dúas cancións do disco que Silvio Rodríguez gravou coa banda Diákara a comezos dos 90. A banda Diákara estaba formada por músicos procedentes dos Irakere e de Afrocuba, con quen Rodríguez xa gravara os discos “Causas y azares” (1986) e “Oh melancolía” (1988). O disco será finalmente editado nas vindeiras semanas. Conectámolo con dúas novidades do selo alemán Agogo Records. A primeira, o primeiro adianto do novo traballo da formación peruana Bareto, mestres da cumbia e da psicodelia. O segundo, o novo EP do proxecto Jembaa Groove, liderado polos músicos nómadas Eric Owusu e Yannick Nolting. Na recta final do programa desprazarémonos até Israel para descubrir as novas gravacións do contrabaixista Avishai Cohen e do pianista Shai Maestro. Cohen gravou o seu novo disco, “Two Roses”, coa axuda da Orquestra Sinfónica de Gotemburgo. Maestro publicou o seu novo disco coma líder, “Human”, a través do selo alemán ECM. O Recanto Do Corcovado 1286
Lois Atanes RKV / RADIO