O Recanto do Corcovado 1311 A finais do pasado ano 2021 presenteivos un adianto de “El amor no es para los débiles”, o novo disco dos peruanos Bareto. O disco por fin está na rúa, e é fantástico: o equilibrio que acadan entre cumbia e psicodelia é notable. Velaiquí o noso disco destacado da semana.
Preséntovos, a seguir, varios temas adianto. O primeiro, “La vida es una rueda”, extraído do disco “La razón eléctrica”. Asínao Raúl Rodríguez, artista que ben apreciamos neste programa. Con el pechará a triloxía ““Antropomúsica creativa de los cantes de ida y vuelta”, iniciada no ano 2014 co marabilloso libro-disco “Razón de son”. Escoitamos tamén “Mares sucados”, o novo de Ugia Pedreira. Formará parte do disco “Segmento cantábrico”, que será editado no vindeiro mes de abril. Intuímos neste traballo un dos grandes proxectos discográficos do 2022. Completamos o programa con “Pepa”, da Banda da Loba —peza coa cal celebraron o pasado 8 de marzo—, e varias cancións de Mercedes Peón. Peón vén de presentar “Ingrávida”, espectáculo co cal celebra os 20 anos do lanzamento de “Isué”. Presentarao en Vilalba o vindeiro 2 de abril. Este feito dános pé a percorrer a discografía dunha das artistas fundamentais do panorama musical galego. Pechamos o programa cumprindo unha débeda: escoitamos íntegra a suite para piano solista “Cantigas dos arrieiros”, do artista da Estrada Javier Otero Neira.
O Recanto do Corcovado 1311 Puidestes escoitalo o venres 11 de marzo a través de RKV Radio e o sábado 12 por Cuac FM A Coruña e a Radio Municipal de Redondela. O mércores 16 soamos tamén a través de RCFM Radio Crónica Folk Musical.






LOIS ATANES O RECANTO DO CORCOVADO RKV / RADIO LIVE VENRES 23:00