O Recanto do Corcovado 1315 Estreamos os novos discos de Xabier Díaz, Madalanea Gamalho, Uxía & Javier Ruibal e o Kike Arza Electric 4et. Completamos o programa con Marco Mezquida.
A pasada fin de semana editouase “Levantarse e caer”, o novo disco de Xabier Díaz. Asínao desta volta en solitario, prolongando a liña de traballo que comezou no ano 2004 con “Músicas de salitre”. Este novo disco xira ao redor da nenez, eixo que vertebra un discurso musical cheo de cantigas de berce, arrolos e evocacións á inocencia. Gravouno baixo a produción de Josete Ordoñez e coa colaboración de, entre outros, Pedro Pascual ao acordeón e Germán Díaz á zanfona e instrumentos mecánicos. O disco é sensacional: velaiquí o noso disco destacado da semana. Preséntovos tamén “De tu casa a la mía”, traballo gravado a dúo por Uxía e Javier Ruibal. Nel converxen dous universos literarios, o galego e o andaluz, personificados nas figuras poéticas de Rosalía de Castro e Federico García Lorca. Xorde desde encontro un diálogo aberto e plural entre dúas realidades culturais supostamente afastadas. Entra a seguir “Invento”, o primeiro traballo da cantante de Vigo Madalena Gamalho. Gamalho concebiu este disco en clave poliédrica: nel dámos con elementos autorais, funk, rítmicas brasileiras e sotaques jazzísticos. A fusión funciona, e tamén convence. Na segunda parte do programa escoitamos “Beharko Mendakaitz” (Invictos á forza), a nova gravación en formato cuarteto do contrabaixista Kike Arza. Arza reuniu un cuarteto eléctrico para construir un disco cheo de xogos rítmicos complexos e diálogos musicais abertos e creativos. Tédelo na rúa a través de Errabal Jazz dende hai unas semanas. Completamos o programa cun tema incluido no último disco de Marco Mezquida.
O Recanto do Corcovado 1315 Soou o venres 8 de abril a través de RKV Radio Vigo e o sábado 9 por Cuac FM A Coruña e a Radio Municipal de Redondela. O mércores 13 entramos tamén a través de Radio Crónica Folk Musical.
LOIS ATANES O RECANTO DO CORCOVADO RKV / RADIO LIVE VENRES 23:00