O Recanto do Corcovado 1334 O cuarteto J.D.Hive, liderado polo violinista austríaco Johannes Dickbauer, asinan con «Isn’t Dinner Lovely Tonight» o noso disco destacado da semana. Tédelo na rúa a través de Traumton dende o pasado mes de setembro. Escoitamos tamén os novos discos dos Black Jesus eXperience (BJX), Tigran Hamasyan e Esa Pethman, ademais de vos adiantar pezas incluídas nos que serán os novos discos do trío Designers e do proxecto Uusi Aika. O primeiro será editado a comezos do vindeiro mes de decembro. O segundo, a finais de novembro. Ámbolos dous pertencen ao selo de Helsinki We Jazz.
No Recanto do Corcovado 1334 ímosvos propor un exercicio de relectura xenérica: imos escoitar propostas catalogadas dentro do espazo do jazz contemporáneo que, dun xeito ou outro, trascenden os límites do propio xénero para se adentrar nos territorios do funk, o pop e o trad. Abriremos o programa con “Isn’t Dinner Lovely Tonight”, primeiro disco do cuarteto J. D. Hive. Chega ás nosas mans a través de Traumton. A banda está liderada polo talentoso violinista austríaco Johannes Dickbauer. É posible imaxinar un punto de converxencia entre Béla Bartók e as harmonías do pop actual? Comprobarémolo. Soará a seguir “StandArt”, o novo traballo do pianista armenio Tigran Hamasyan, antes de nos adentrar en terras finlandesas da man do selo We Jazz. Vouvos presentar “In Belgium 1967”, disco de 7” que recolle dous temas gravados por Esa Pethman na Radio Pública belga. O disco, alén do seu valor como documento histórico, permítenos recuperar a obra dun dos pais do jazz finlandés moderno. Soará a seguir un adianto do proxecto “Designers”, trío de jazz minimalista formado por Aki Rissanen (piano), Joachim Florent (contrabaixo) e Will Guthrie (batería). O disco será editado na primeira semana de decembro. Un par de semanas antes, a finais de novembro, sairá á rúa “Uusi Aika”, banda de jazz meditativo con matices trad liderada polo saxofonista Otto Eskelinen. Aproveitaremos para vos presentar un dos seus temas. Pecharemos o programa con varias pezas incluídas en “Good Evening Black Buddha”, o novo dos australianos Black Jesus eXperience (BJX). Tedes o disco nas tendas dende hai un par de semanas a través de Agogo Records.
Escoitádenos os venres en RKV Radio Vigo (23-00h), e o sábado na Radio Municipal de Redondela (11-12h) e máis Cuac FM (Ollo! Estreamos novo horario. A partires de agora, soaremos de 21 a 22h). Os mércores entramos tamén a través de RCFM Radio Crónica Folk Musical (23-00h).
LOIS ATANES O RECANTO DO CORCOVADO RKV / RADIO LIVE VENRES 23:00