O Recanto do Corcovado 1313

O Recanto do Corcovado 1313 Marco Mezquida Music está de volta. Con “Letter to Milos”, o seu novo disco, confirma que é un dos grandes talentos musicais da península. Estreamos tamén os novos discos de Andrea Motis e Jembaa Groove. Pechamos cun adianto do vindeiro disco da Rhabdomantic Orchestra, á venda no vindeiro mes de maio.

Neste programa somos da opinión de que Marcos Mezquida é un dos grandes talentos creativos da península. Con “Letter to Milos”, o seu novo disco, volve confirmalo. Mezquida adica este traballo a seu fillo, de apenas un ano. Trátase, pois, dun disco que nace do amor e do sentimento. Gravouno coa complicidade de Aleix Tobias á percusión e Martín Meléndez ao cello, mesma formación coa cal xa traballou en “Ravel’s Dream” (2017) e “Talismán” (2020). O nivel de compenetración musical que acadan neste disco é abraiante. Velaiquí o noso disco destacado da semana. Preséntovos tamén “Loopholes”, o novo disco da talentosa trompetista e cantante barcelonesa Andrea Motis. O disco, fondamente convincente, está cheo de matices nu jazz, raíces populares e sotaques progresivos. Na segunda parte do programa estréovos “Susuma”, o primeiro disco dos Jembaa Groove. Nos últimos meses estivemos a escoitar distintos temas adianto do disco. Agora témolo na rúa, por fin, a través de Agogo Records. Pechamos o programa co primeiro adianto de “Almagre”, o que vai ser o novo disco da banda afincada en Turín Rhabdomantic Orchestra. Inspiráronse para gravalo no surrealismo europeo e tamén no realismo máxico característico da novela hispanoamericana. O resultado é inquedo e sorprendente. O Recanto do Corcovado 1313

Velaiquí vos vai o podcast co noso último programa, o número 1313. Puidestes escoitar o Recanto do Corcovado 1313 o venres 25 de marzo a través de RKV Radio e o sábado 26 por Cuac FM A Coruña e a Radio Municipal de Redondela. O mércores 30 soamos tamén a través de RCFM Radio Crónica Folk Musical.

LOIS ATANES O RECANTO DO CORCOVADO RKV / RADIO LIVE VENRES 23:00

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Scroll al inicio