O Recanto do Corcovado 1337

O Recanto do Corcovado 1337 A práctica totalidade do programa está adicada a discos galegos. Escoitamos pezas de Antía Muíño, Guadi Galego, Quico Comesaña, Sés e Xosé Miguelez. Completamos o programa con «Tornaviaje», o novo disco do artista de Miranda de Ebro Gonzalo del Val.

Como vos temos comentado en máis dunha ocasión, neste programa somos da opinión de que este ano está a ser excepcional para a música galega. No programa desta semana presentámosvos discos que seguen a confirmar esta idea. Abrímolo con varias pezas de “Carta aberta”, o que vai ser o primeiro disco da cantora Antía Muíño. Muíño, quen vén de se levar o Premios Martín Códax á artista emerxente, posúe un timbre particular e unha sensibilidade musical fóra de toda dúbida. O disco será oficialmente editado o vindeiro 24 de novembro. Conectámolo con “Cantan as balas”, primeiro adianto de “Diante un eco”, o novo disco de Sés. Terédelo na rúa tamén a finais do presente mes de novembro, desta volta o día 25. Completamos esta xeira por discos galegos con Quico Comesaña, Guadi Galego e máis Xosé Miguélez. Na parte final do programa preséntovos “Tornaviaje”, o novo traballo do talentoso batería Gonzalo del Val. Gravouno en formato cuarteto con Raynald Colom (trompeta), Romain Pilon (guitarra) e Manel Fortià (contrabaixo).

Puidestes escoitar O Recanto do Corcovado 1337 o venres 4 de novembro a través de RKV Radio Vigo e o sábado 5 a través de Cuac FM A Coruña e da Radio Municipal de Redondela. O mércores 9, tamén de novembro, entramos a través de RCFM Radio Crónica Folk Musical.

LOIS ATANES O RECANTO DO CORCOVADO RKV / RADIO LIVE VENRES 23:00

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Scroll al inicio