O Recanto do Corcovado 1299 Estreamos os novos discos do proxecto GAUR e Marjo Smolander. Estreamos tamén as novas cancións de Manuel Maio, Jembaa Groove e Pauanne. Pechamos o programa con Pablo Guerrero. O Recanto do Corcovado 1299 ten emisión o venres 17 de decembro a través de RKV Radio, sábado 18 por Cuac FM A Coruña e a Radio Municipal de Redondela. O mércores 22 a través de RCFM Radio Crónica Folk Musical.
No ano 2013 presenteivos por vez primeira a música da cantante bilbaína Noa Lur. Fíxeno a través do seu disco “Badakit”, unha delicia jazzística de corte enérxico e á vez intimista que nos permitiu descubrir unha vez tan inqueda coma persoal. Noa Lur é unha das responsables do proxecto GAUR (“Hoxe”, en galego), editado hai escasos días. Gravouno en íntima complicidade con Ander García (contrabaixo), David Fernández (batería) e David Sánchez (piano). No disco versionan distintas pezas, parte delas popularizadas por grandes nomes das músicas bascas, coma é o caso dos Oskorri ou Mikel Laboa. O resultado é sensacional. Velaiquí o noso disco destacado da semana, co cal abrimos o programa desta fin de semana. Estréovos tamén un adianto do novo disco do cantor e músico portugués Manuel Maio, antes de vos presentar dúas novidades finlandesas. A primeira, o primeiro sinxelo do que vai ser o novo disco duns vellos coñecidos do programa, o trío Pauanne. A segunda, o primeiro disco en solitario da solista de kantele Marjo Smolander, a quen coñecemos a través do seu traballo no dúo Zäpämmät. Pechamos o programa con outro sinxelo, o novo tema da banda afincada en Berlín Jembaa Groove. Funciona como adianto do que vai ser o disco debut do grupo, que sairá á rúa na primavera do vindeiro ano 2022. Nel hai matices funk, soul e elementos do High Life da costa oeste africana. Unha marabilla. Completamos o programa cun tema do último disco de Pablo Guerrero.
LOIS ATANES O RECANTO DO CORCOVADO RKV / RADIO LIVE VENRES 22:00