O Recanto do Corcovado 1319. Foi emitida o venres 6 de maio por RKV Radio e o sábado 7 por Cuac FM A Coruña e a Radio Municipal de Redondela. O mércores 11 entramos tamén a través de Radio Crónica Folk Musical. Estreamos os novos discos da Banda da Loba, Maija Kauhanen, The Punch Brothers e Tapani Rinne & Juha Mäki-Patola. Completamos o programa con temas da Pedreira e de Nastasia Zürcher.
Neste programa adoitamos facer da insistencia unha das nosas virtudes. Levamos xa varias semanas a vos comentar que o presente 2022 estáchenos a ser un grande ano para a música galega. No programa desta semana comprobámolo de novo, desta volta grazas ao novo disco da Banda da loba, “Xabón lagarta”. O disco inspírase, a nivel creativo, nos lavadoiros galegos coma espazos de liberdade e confesión íntima. Nel damos con rock, música popular e mesmo sotaques matizadamente bluegrass. Velaiquí o noso disco destacado da semana. E xa que estamos con bluegrass, presentámosvos tamén o novo dos Punch Brothers. Leva por título “Hell on Church Street”, e está baseado no disco “Church Street Blues”, publicado polo guitarrista norteamericano Tony Rice no ano 1983. O resultado final é tan convincente coma espectacular. Pechamos a páxina adicada á actualidade con “Menneet”, o esperado segundo disco de Maija Kauhanen, e con “Open”, a nova experiencia ambiental asinada por Tapani Rinne e Juha Mäki-Patola. Completamos o programa con pezas de A Pedreira e máis Nastasia Zürcher. O Recanto do Corcovado 1319
LOIS ATANES O RECANTO DO CORCOVADO RKV / RADIO LIVE VENRES 23:00