O Recanto do Corcovado 1343 No programa desta semana centramos a nosa atención en producións jazzísticas asinadas, todas elas, por artistas finlandesas e finlandeses.
Abrimos o programa cos novos discos do trío Designers e do proxecto Uusia Aika. No seu momento estreeivos un par de adiantos. Cómprenos agora descubrilos, aproveitando que por fin foron editados a través de We Jazz. A disqueira de Helsinki é tamén a responsable de “Joulu Joulu Jul”, o novo disco do Ilmiliekki Quartet coa cantante Emma Salokoski, e de “Tigers Are Better Looking”, a nova gravación de Valtteri Laurell Pöyhönen. A este último coñecémolo a través dos Dalindèo, entre outros proxectos. Chega agora co primeiro disco da súa nova banda, un noneto de swing baseado en ventos de metal. O disco publicarase o vindeiro 3 de febreiro, mais podemos vos ofrecer xa un adianto. Na segunda parte do programa escoitamos, en primeiro termo, o último proxecto das Signe, cuarteto de voces e contrabaixo que constrúe as súas melodías a partires de distintas onomatopeias e efectos de son. Rematamos o programa co último disco dos Sound Tagine, banda liderada polo trompetista Ilkka Arola. Mesturan jazz eléctrico con ritmos tradicionais procedentes de distintas ubicacións xeográficas, como é o caso de Oriente Medio. O resultado é sensacional. O Recanto do Corcovado 1343






Edición número 1343 de O Recanto do Corcovado. Puidestes escoitala o venres 16 de decembro a través de RKV Vigo e o sábado 17 a través de Cuac FM A Coruña e a Radio Municipal de Redondela. O mércores 23 entramos tamén a través de Radio Crónica Folk Musical.
LOIS ATANES O RECANTO DO CORCOVADO RKV / RADIO LIVE VENRES 23:00