O Recanto do Corcovado 1345 A distanza entre dous puntos adoita estar chea de curvas. Falamos de distanzas físicas, mais tamén anímicas: entre os barrios das grandes cidades e as nosas aldeas hai quilómetros cheos de reviravoltas e xiros interminables; entre as persoas que somos na actualidade e a aquelas que fomos háichenos tamén bifurcacións infindas, xeografías variables que configuran quen somos hoxe en día. Todos estes espazos converxen nun punto concreto, o do patio de luz como recuncho protector.
Velaiquí a idea que dá orixe a “Patios de luz”, o novo disco de Su Garrido Pombo Música. Foi editado oficialmente o pasado 17 de decembro. Su Garrido contou para gravalo coa colaboración de, entre outros, Marco Maril, quen se encarga da produción sonora e dos efectos. O traballo é sensacional e é, por mérito propio, o noso disco destacado da semana. Vouvos presentar tamén “La festa”, a sétima canción incluída en “Mussol”, o novo de Carles Dénia. Ao longo dos últimos meses, Dénia foinos presentando paseniñamente os temas incluídos neste disco, que será finalmente editado en formato físico a comezos do vindeiro ano 2023. Completaremos o programa, o derradeiro do presente ano, con temas de Antía Muíño, Sés, Guadi Galego e Iago Fernández. O Recanto do Corcovado 1345
Puidestes escoitalo o venres 30 de decembro a través de RKV Radio Vigo e o sábado 31 a través de Cuac FM A Coruña e a Radio Municipal de Redondela. O mércores 4 de xaneiro entramos tamén a través de RCFM Radio Crónica Folk Musical.
LOIS ATANES O RECANTO DO CORCOVADO RKV / RADIO LIVE VENRES 23:00