O Recanto do Corcovado 1381 Escollemos como traballo destacado da semana «Kosto», o disco debut da artista finlandesa Vilma Jää Music. Trátase dun disco que xorde do trauma, un trauma producido polo acoso por parte dun profesor que a propia artista sufriu cando era estudante. A nivel textual, o disco é duro, directo e doloroso. Escoitamos tamén, sen saír do país nórdico, os novos traballos de Pekko Käppi & K:H:H:L, Ilkka Heinonen, Aki Rissanen e máis Tapani Rinne official.
“Kosto” (Vinganza), o primeiro disco en solitario de Vilma Jää Music, xa está na rúa. O traballo xorde como reacción ao acoso que a propio artista sufriu cando era estudante. O caso foi investigado, mais pechouse sen que houbera ningún tipo de condena. O disco, por este motivo, convértese nun mecanismo de curación explícito, onde mesmo a violencia é aceptada como ferramenta destinada a superar o trauma. A dor artella o discurso temático dun disco que, a nivel formal, presenta un equilibrio ben traballado entre música de inspiración tradicional e estética pop. Velaiquí o que será o noso disco destacado da semana. Haberemos escoitar, ademais, as últimas propostas doutros artistas finlandeses: pasaremos do rock independente de Pekko Käppi e os K:H:H:L á música contemporánea de inspiración trad de Ilkka Heinonen, sen nos esquecer do jazz de vangarda de Aki Rissanen. Pecharemos o programa coa última experiencia ambiental de Tapani Rinne official, onde explora as posibilidades creativas do clarinete baixo. O Recanto do Corcovado 1381
Se non tivestes a oportunidade de escoitar o noso último programa emitido a través das ondas, agora podedes facelo. Fixo o número 1381 —ímonos achegando, paseniñamente, aos 1400 programas—. Puidestes escoitalo o venres 10 de novembro a través de RKV Radio Vigo, e o sábado 11 na sintonía de Cuac FM A Coruña e da Radio Municipal de Redondela. Pechamos a rolda de emisións o mércores 15 de novembro a través de Radio Crónica Folk Musical.
LOIS ATANES O RECANTO DO CORCOVADO RKV / RADIO LIVE VENRES 22:00