O Recanto do Corcovado 1336 Adicamos o programa a distintas novidades finlandesas, percorrendo vieiros sónicos que nos levan do folk ao trad para rematar de cheo na música experimental e no jazz contemporáneo. Escoitamos os novos traballos de Okra Playground, Kimmo Pohjonen & Ismo Alanko, Enkel, Dantchev Domain e Sylvain Rifflet & Verneri Pohjola.
Nesta nova entrega corcovadiana presentámosvos discos editados ao longo das últimas semanas por artistas finlandesas e finlandeses. Dous destes discos estréaronse, de feito, a finais do mes de outubro. O primeiro, “Itku”, o novo traballo do sexteto de música folk e fusión Okra Playground. Nordic Notes, dende Alemaña, é o selo responsable da súa edición internacional. O segundo, o máis que esperado novo traballo de Kimmo Pohjonen e Ismo Alanko, “Voice of Nothern Lowland”. Chega ás nosas mans a través do selo de Turku Svart Records. Preséntovos tamén “Love Hurts”, o novo traballo do cuarteto trad Enkel, ademais de “The Lions We Are”, o segundo disco da banda multicultural afincada en Helsinki Dantchev Domain. Na parte final do programa xogamos á confusión xeográfica co novo disco do saxofonista francés Sylvain Rifflet. Gravouno coa complicidade do talentoso trompetista finlandés Verneri Pohjola. Velaiquí a conexión finlandesa que nos permite manter a liña temática do programa.
Foi emitida o venres 28 de outubro por RKV Radio e o sábado 29 por Cuac FM A Coruña e a Radio Municipal de Redondela. O mércores 2 de novembro entramos tamén a través de RCFM Radio Crónica Folk Musical.
LOIS ATANES O RECANTO DO CORCOVADO 1336 RKV / RADIO LIVE VENRES 23:00