O Recanto do Corcovado 1344 Como ben sabedes todas as persoas que levades anos a nos seguir, neste programa somos firmes defensores da indefinición de xéneros musicais como filosofía creativa. Escoitar música sen poder clasificala en categorías conceptuais pechadas échenos unha desas cousas das que máis gostamos, tanto coma programadores coma ouvintes.
No programa desta fin de semana imos escoitar músicas que precisamente chantan interrogantes formais no momento da súa escoita, e todo sen saírmos do noso país. Abriremos o programa con “Roibén”, o novo disco de Guadi Galego, para a seguir escoitar os últimos lanzamentos da banda Néboa e do trío Mel. Escoitaremos a seguir o dúo Mallou, quen vén de se levar o primeiro premio na última entrega dos Premios Narf para grupos e artistas musicais. Na recta final do programa soarán Baiuca, desta volta coa cantante valenciana Alba Reche, e Carlos Núñez, quen vén de adiantar con “Danza das espadas” a liña de traballo que, aparentemente, seguirá o seu novo disco. Remataremos o programa, tamén dende Galiza, con Antía Muíño. O Recanto do Corcovado 1344
Puidestes escoitala o venres 23 de decembro 2022 a través de RKV Radio Vigo e o sábado 24 a través de Cuac FM A Coruña e a Radio Municipal de Redondela. O mércores 30 entramos tamén a través de RCFM Radio Crónica Folk Musical.
LOIS ATANES O RECANTO DO CORCOVADO RKV / RADIO LIVE VENRES 23:00