O Recanto do Corcovado 1380

O Recanto do Corcovado 1380 Se non puidestes escoitar o noso último programa a través das ondas, agora podedes facelo: aquí tedes o noso programa número 1380 en formato podcast. Puidestes escoitalo o venres 3 de novembro a través de RKV Radio Vigo, e o sábado 4 na sintonía de Cuac FM A Coruña e da Radio Municipal de Redondela. Pechamos a rolda de emisións o mércores 8 de novembro a través de Radio Crónica Folk Musical. Escollemos «Quitar o aire», o novo traballo de Caamaño&Ameixeiras, como disco destacado da semana. Escoitamos tamén os últimos discos de Marco Mezquida Music, Carles Dénia e Barahúnda, todos eles dun nivel extraordinario. Completamos o programa con adiantos dos vindeiros discos de Catuxa Salom e da cantora portuguesa Lina.

Conforme imos nos achegando ao remate do ano 2023, vaise multiplicando a publicación de discos de calidade contrastada. No programa desta semana escoitamos uns cantos, todos eles asinados por bandas, artistas ou proxectos que operan dende a península ibérica. É o caso de “Tornado”, a nova gravación do xenial Marco Mezquida. Creouna coa complicidade de Kasa Kamaguchi ao contrabaixo e Ramon Prats á batería. O título do disco remite á enerxía que os tres músicos son quen de producir cando tocan xuntos. Asistimos pois a unha sorte de treboada estética que non deixa indiferente. Outro dos nosos discos destacados da semana chega coa sinatura dos Barahúnda. En “Fremosas”, libro-disco editado por Toxosoutos, revisan musicalmente distintas cantigas medievais galego-portuguesas. Como disco destacado da semana escollemos “Quitar o aire”, o extraordinario novo traballo do dúo Caamaño e Ameixeiras. Na parte final do programa escoitamos “Mussol”, de Carles Denia. Logo de ir presentando paseniñamente parte dos temas incluídos no disco, Denia editao finalmente en formato físico. O resultado é sensacional. Completamos o programa con dous adiantos: “Xa non ves”, primeiro sinxelo do que vai ser o disco debut de Catuxa Salom, e “Desamor”, primeira peza do inminente novo disco da cantante portuguesa Lina. Gravouno baixo a produción de Justin Adams, e está consagrado á obra poética de Luís de Camões. O Recanto do Corcovado 1380

LOIS ATANES O RECANTO DO CORCOVADO RKV LIVE VENRES 22:OO

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Scroll al inicio