O Recanto do Corcovado 1385

O Recanto do Corcovado 1385. Puidestes escoitala o venres 8 de decembro a través de RKV Radio Vigo, e o sábado 9 na sintonía de Cuac FM A Coruña e da Radio Municipal de Redondela. Pechamos a rolda de emisións o mércores 13 de decembro a través de Radio Crónica Folk Musical.
«I/O», o novo traballo de Peter Gabriel, é o noso disco destacado da semana. Tédelo nas tendas, tanto físicas como dixitais, dende o pasado 1 de decembro a través de Real World Records. Había algo máis de vinte anos que Gabriel non publicaba cancións novas. O disco é, por este motivo, un acontecemento. Escoitamos tamén, a través de Lovemonk, o novo disco de Saint Malo. Completamos as estreas da semana con «4 x 5», o penúltimo disco de Lau Nau. Edítao, como de costume, Fonal Records. Completamos o programa co último disco dos The Breath.

O pasado venres 1 de decembro publicouse a través de Real World Records “I/O”, o novo traballo do artista británico Peter Gabriel. Había máis de vinte anos que Gabriel non publicaba material novo. Foino presentando paseniñamente ao longo de todo o ano 2023, a ritmo dunha peza por mes, coma se dun quebracabezas se tratase. Gravouno coa complicidade de parte dos seus músicos de cabeceira: Tony Levin ao baixo, Manu Katché á batería e David Rhodes ás guitarras. Contou, ademais, coa colaboración de Brian Eno, John Metcalfe e Paolo Fresu, entre outros. O disco é sensacional. Dámos nel con resonancias de discos pasados —“Up” e “Us”, fundamentalmente—, mais tamén cun discurso musical contemporáneo que xoga coas posibilidades das mesturas e o traballo no estudo de gravación. Velaiquí o que será o noso disco destacado da semana. Vouvos estrear tamén o primeiro e excelente disco do proxecto Saint Malo, alter ego artístico de Javier Jiménez Rolo. A nivel musical, o disco evoca a obra de artistas que, no seu momento, gravaron para o selo británico All Saints. Penso en Roger Eno, mais tamén en Kate St. John, e mesmo Harold Budd. Tédelo xa na rúa grazas ao traballo editorial de Lovemonk. Completaremos o repaso á actualidade con “4 X 5”, a penúltima produción da artista finlandesa Lau Nau. Nela xoga coa electrónica para crear texturas acuáticas e etéreas, mais tamén densas e fondas —por moi paradoxal que poida resultar—. Lau Nau asina con este disco, publicado polo selo de Tampere Fonal Records, o seu noveno disco. Completaremos o programa con pezas dos The Breath. O Recanto do Corcovado 1385

LOIS ATANES O RECANTO DO CORCOVADO RKV / RADIO LIVE VENRES 22:00

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Scroll al inicio